Crónica: @lachicaindiecool
Expourense acolleu o pasado sábado 6 de xuño, a segunda edición do Ou Yeah, unha cita que continúa medrando dentro da programación musical da provincia e que converteu o recinto feiral nun auténtico punto de encontro para os amantes da música en directo.
Un festival no que conviviron diferentes estilos musicais, varias xeracións de público e tamén unha atractiva oferta gastronómica que completou unha xornada para lembrar.
Os encargados de abrir o festival foron os británicos Kitty, Daisy & Lewis, trío formado polos irmáns Durham. Cunha longa traxectoria ás súas costas, aínda que algo descoñecidos para parte do público presente, ofreceron unha actuación chea de personalidade e autenticidade. A súa proposta musical percorre con naturalidade estilos tan diversos como o jazz, o soul, o folk tradicional e o máis puro rockabilly.
A banda, ampliada ata cinco integrantes para o directo, demostrou unha notable versatilidade musical, intercambiando constantemente instrumentos sobre o escenario.
Contrabaixo, banxo, guitarra, baixo eléctrico, batería, teclado e voces foron dando forma a un repertorio executado con precisión técnica e unha frescura que acabou conquistando aos asistentes dende os primeiros compases.
A continuación chegou a quenda de Loquillo e a súa banda cun concerto contundente, elegante e cargado de clásicos. O artista volveu demostrar que segue sendo unha das grandes figuras do rock estatal, reunindo diante do escenario a varias xeracións de seguidores que corearon himnos xa imprescindibles da súa carreira.
Nun dos momentos máis emotivos da actuación, Loquillo lembrou a Jorge Martínez, líder de Los Ilegales, dedicándolle un tema.
Tampouco faltaron as reflexións propias dun veterano do rock, deixando unha frase que resume á perfección a súa filosofía vital e musical: «Nos tempos que corren é fundamental manter a actitude rock and roll».
A súa sólida banda contribuíu decisivamente ó éxito do concerto. Entre eles destacaron Alfonso Alcalá (baixo), así como Josu García (guitarra e coros), Daniel Herrero(saxofón), Igor Paskual (guitarra e coros) e Laurent Castagnet (batería).
O gran peche da noite correu a cargo de The Rapants que amosaron ser unha das formacións galegas con maior proxección do momento. Cun directo enérxico e desenfadado, non faltaron as bromas e as referencias á actualidade local.
Entre risas, comentaron que Loquillo exercía de teloneiro da banda galega e tamén ironizaron sobre a escasa visibilidade que, segundo eles, teñen na cidade das Burgas, facendo referencia ó alcalde Gonzalo Pérez Jácome e ó coñecido «Desbloqueando Ourense”.
Felicitaron ademais á UDO e á organización do Ou Yeah , por apostar pola música en directo. Musicalmente, centraron boa parte do concerto nos novos temas do seu recente traballo «Rapants Club», aínda que non esqueceron algúns dos seus temas máis celebrados polo público como “ O Avión» ou «La Favorita». Todo iso acompañado dunha descarga de enerxía resumida nunha das súas expresións máis repetidas: «moito pedal e moita movida”.
Entre concerto e concerto, DJ Das encargouse de manter a atmosfera festiva e o ritmo dunha xornada que non perdeu intensidade en ningún momento.
A vertente gastronómica tamén tivo un papel destacado. As hamburguesas elaboradas por Bagoa Gastrobar converteron a zona de restauración nun dos espazos máis concorridos do festival, completando unha experiencia que foi moito máis alá da música.
Expourense transformouse así nun gran espazo sonoro e gastronómico, no que non só se mesturaron estilos musicais, senón tamén distintas xeracións de público unidas pola paixón da música en directo.
O balance desta segunda edición non pode ser máis positivo. Ou Yeah reafirma a súa condición de cita imprescindible dentro da programación cultural ourensá e deixa aos afeccionados coa mirada posta nas próximas convocatorias musicais promovidas pola organización: a actuación de Burning o vindeiro 31 de xullo na Praza da Veracruz do Carballiño e o broche final de luxo coa presenza da extraordinaria Luz Casal o 4 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz.















