Tanxugueiras en Coruña

Crónica e fotografías: María Simón Cundís

A forza das mulleres, da raíz e da tradición triunfou onte nun Coliseum ata arriba de xente. Persoas que a día de hoxe seguirán sen palabras despois do fito histórico vivido a pasada noite.
Ás 20:30 daba comezo Mondra ao que sería a gran foliada do ano e da historia e precedendo ao “Derradeiro diluvio”.

Interpretou algunhas das cancións do seu álbum «ARDĒN».
A canción “Ruando” adicoulla á súa compañeira Aida, unha das integrantes das Tanxugueiras. Xa se podía sentir un público do máis entregado e agradecido de conseguir unha das entradas que había disponibles ata que se conseguíu ese enorme SOLD OUT. Todo o público coreou os temas de Mondra e desfrutou desa Folīa das ardentes.

Unha horiña pasara xa e comezouse a escoitar o son dunha treboada. Era o derradeiro diluvio dando a ver o seu inminente comezo. Non había volta atrás, estabamos totalmente preparadas para desfrutar. Os primeiros versos que soaron foron “agora que ven a noite, ven a nosa alegría” da canción «Midas». E vaia se chegou a alegría!

Foi unha noite na que se deron a ver as boas relacións que xera a música con unha morea de convidadas e convidados no escenario. A primeira en aparecer foi Rozalén coa intérprete de lingua de signos que a acompaña sempre, Beatriz Romero. Agasalláronnos cantando “A virxe do Portovello”, canción incluida no disco de Rozalén “Matriz”. A cantante albaceteña non deixou pasar a oportunidade de adicarlle unhas fermosas palabras ás tres compañeiras galegas e a toda a equipa que as acompaña. Agradeceulles enormemente os coidados outorgados e todo o cariño ademáis de felicitalas polo que estaban a conseguir.

Logo chegou a parte máis tradicional do concerto. Comezou a soar “O querer” e as caras de orgullo e emoción que se vían entre o público e tamén no escenario eran dignas de admirar.
Dende arriba podíanse ver varios grupos diferentes de persoas que se xuntaban a bailar e seguir os ritmos tradicionais que soaban.

Pouco tardou en chegar o seguinte convidado, Rayden. Xusto antes del, aparecía un peliqueiro ao igual que no videoclip de “Averno”. Mostraron abertamente a boa relación que existe entre as tres galegas e él. Tan só houbo unha canción que non foi coreada polo público e foi “Hoxe, mañá e sempre». Que o público non a soupera foi porque este tema que interpretaron xunto con Valeria Castro, verá a luz aínda o día 29 de decembro.

Acto seguido foi o turno de que subiran ao escenario máis galegas. Guadi Galego puxo a vibrar xunto coas Tanxugueiras ao público todo con “Que non mo neguen” e escoitáronse versos moi importantes para que asimilen todas e cada unha das mulleres e sobretodo nenas que alí había escoitando: “Son muller forte e libre, non hai ninguén que mo negue”.

Chegou o momento de “As que tiñan que estar” na que se puido escoitar a voz de Juancho Marqués a pesar de que desta volta non puido asistir. Contamos con que haxa oportunidade pronto para desfrutar dos catro xuntos. Houbo tempo para todo, chorar de alegría, de orgullo, poñer en valor o que é noso e recordar os comezos. Para recordos, a canción de Cultura Crítica na que recordamos a NAO e SonDaRúa.

Aida dirixíuse ao público para decirlles que desfrutaran, que se levantaran e bailaran e as poucas persoas que ainda estaban sentadas así o fixeron e incluso Sabela, achegouse a Iago Pico e púxose a tocar con el. Con todo o orgullo existente e necesario, reivindicouse o fin da homofobia e os dereitos de todas as persoas do colectivo LGTBIQ+. Con «Pano Corado» bailamos ata fartar e non faltaron nin os confetis na pista. Volvimos a ver a Mondra e logo foi o turno das Fillas de Cassandra que interpretaron “Quen é a que canta?”.

Chegando xa case ao final do concerto, foi o momento de pedirlles mais cancións entre todos e todas. Mentres agardabámos a súa volta, todo o público ao mesmo tempo púxose a corear “Un cantar miudiño” cando elas xa estaban no escenario e agardaron a que rematara o público para aplaudirlles e regresar de novo ao escenario. Voltaron sorprendernos interpretando «Panaderas». Rozalén, Bea, Fillas de Cassandra e Guadi Galego, xunto co trío de cantareiras interpretaron esta canción que non deixou indiferente a ninguén.

Apareceu o último convidado, Muerdo, que interpretou “Cambia todo” xunto ás galegas que puideron disfrutar dun Coliseum cheo ata o teito coas lanternas acendidas mentras coreaban entre todas “llegadas hasta aquí, sabemos que ya nada es imposible”. E vaia que non é imposible, moitos espazos lles quedan ás Tanxugueiras por encher. Xa sexan grandes, pequenos, interiores, exteriores… eso é o de menos! Queremos que sigan demostrando como ben din na canción de Terra, que non hai fronteiras, que co galego, coa cultura e coa tradición chégase moi lonxe. LONGA VIDA ÁS TANXUGUEIRAS!

Pincha en el título del álbum para ver la galería completa: