Fotografías: María Simón
Crónica: Ignacio García-Cano
A sala La Riviera de Madrid viviu na noite do 9 de xaneiro unha auténtica celebración coa primeira das dúas datas consecutivas de Baiuca na capital. Co cartel de sold out colgado e o recinto completamente ateigado, o proxecto de Alejandro Guillán confirmou, unha vez máis, a súa capacidade para converter a tradición galega nun ritual colectivo contemporáneo.
O concerto comezou arredor das 20:45 horas, cun público entregado dende o primeiro minuto e disposto a bailar sen descanso. Baiuca apostou por un directo no que a música non deu tregua, as intervencións faladas foron xustas, principalmente para presentar á banda e ao equipo que o acompaña sobre o escenario, deixando todo o protagonismo ao son e ao movemento.
Durante algo máis de dúas horas de espectáculo, soaron temas xa imprescindibles do seu repertorio como “Morriña” ou “Fisterra”, que foron coreados e bailados por unha sala completamente volcada. Tampouco faltou “Paxaro do Demo”, peza que Baiuca ten compartido con Xoel López, nin un tramo final explosivo no que “Veleno” e “Ribeirana” puxeron o broche a unha noite intensa e vibrante.
Sobre o escenario, Baiuca estivo acompañado por músicos e colaboradoras habituais do proxecto, entre outros nomes como Xosé Lois Romero, Adrián Canoura, Richi, Antía Muiño e as voces e presenza escénica de Andrea e Alejandra Montero, reforzando esa mestura de raíz, electrónica e performance que caracteriza o seu directo.
O ambiente foi festivo de principio a fin: a xente bailou sen parar e a conexión co público foi total. Nun dos momentos do concerto, cando Guillán preguntou cantas persoas tiñan entrada para as dúas noites, foron bastantes as persoas afortunadas que levantaron a man, deixando clara a expectación xerada por estas dúas datas madrileñas.
O concerto rematou arredor das 22:40 horas, cun público exhausto pero feliz, consciente de ter asistido a algo máis ca un simple concerto: unha experiencia colectiva onde a tradición galega, reinterpretada dende o presente, volveu facer vibrar Madrid.













