Crónica: @lachicaindiecool
Na noite do venres, os cimentos da sala Capitol vibraron coa estrea do novo disco de Mondra, «De Ronda». O que alí se viviu, foi o resultado dun traballo cheo de paixón, amizade, sensualidade, comunidade e moito baile.
Comezando a quencer o ambiente cos primeiros pasos e instrumentación de «Teño caldo quente» que abriu o setlist con moita forza, ate o último berro colectivo con «Vale máis un canciño» cantado dende o centro da sala e arroupado por todos os rondadores e rondadoras.
Vivimos unha auténtica ronda contemporánea, xa que o novo disco de Mondra mestura á perfección tradición e vangarda, comezando por unha posta en escena impecable, as figuras executadas por Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, que xunto a Martín e os instrumentistas dirixiron todas as miradas e captaron a concentración do público nos seus desprazamentos sinuosos. Sen deixar atrás o vestiario en tons grises e brancos mesturado con panos vermellos, acorde coa cor da sala Capitol, deseñado por Adriana Lado que contribuíu a crear un universo coherente acompañado polo traballo de Érica Oubinha na confección da xira, e María Ferradás ós mandos da maquillaxe.
O repertorio percorreu todos os estados do corpo e da alma, co espírito retranqueiro en «Saco de pulgas», o abrazo colectivo en «Viva Viva», ou o lirismo en «Por te ver».
A primeira das colaboracións coas pandeireteiras Lina e Lola , previo discurso sobre as diferentes razóns para casar no tema «Achar con quen casar», ao igual que a muiñeira orgánica que se fixo sentir en «Róndame» onde a percusión foi a protagonista ó ritmo de pandeiros, pandeiretas, sachas e cabaça.
Destacaron momentos nos que subiu a intensidade coa versión en clave rumbeira de «Rumbambà» ou a explosión da sensualidade co tema «Férveme o cu», máis o punto álxido emocional chegou con «Ventilar o cuarto», interpretado xunto a Antía Ameixeiras, que enmudeceu a sala por completo e amosou a complicidade entre os dous artistas.
Chegaría outro dos grandes momentos da noite coa colaboración de Sara Faro e María Soa, Fillas de Cassandra en «Punheta», que levantaron a tod@s os alí presentes, mentres «Quererse ben» e «Púxenme Guapo» reivindicaron o amor propio e a autoestima, non faltou «Marimondra» un himno de liberdade.
O peche final coa comunidade unida ó berro de “Outra sí, Altri non”, por unha terra nosa, fixo que se despedisen dende o centro da sala formando unha gran familia.
No apartado musical cabe destacar o son orgánico traballado con moito mimo no estudo. A banda composta por Martín Mondragón (Mondra), Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro ofreceron un son compacto e vivo, os agradecementos foron constantes a Hevi polo seu apoio e produción do disco no Laboratorio Soyuz, na gravación tamén participaron Sabela Caamaño e Manu Cataqui ós ventos.
Este proxecto complétase con once pezas audiovisuais, unha por cada tema do disco, producidas por Mondra e polo estudio elmembrillo baixo a dirección creativa de Zeltia Iglesias. Imprescindible a labor de produción a cargo de Adela Otero e do equipo formado por Elena Mareque e Adrián Gómez da produtora Seispés, a dirección artística e coreográfica de Daniel Rodríguez e a coordinación de prensa por Lucía Pita da axencia The Office Comunicación.
Foi unha noite de pasodobre, agarrado e ronda, de comunidade e festa, de arte e complicidade, de proximidade e tradición.














