Crónica: @lachicaindiecool
O 28 de marzo, os muradáns The Rapants encheron o Multiusos Fontes do Sar con case 6000 persoas, para presentar o seu novo traballo, “Rapants Club”. A noite abriu coa banda Ulex, encargada de quencer o ambiente antes dun concerto que xa se intuía especial.
A posta en escena destacou pola súa coidada escenografía, con detalles singulares como a presenza de mariachis, que engadiron un punto festivo e inesperado. Foi unha noite pensada como celebración, marcando o inicio da primavera compostelá cun ton alegre e participativo.
O concerto desenvolveuse cun setlist de 27 temas ao longo de case dúas horas. A banda amosou unha instrumentación máis completa, combinando arranxos máis elaborados cun son directo onde as guitarras con distorsión tiveron protagonismo, sacando o seu lado máis rock e salvaxe. Vestidos de gala, non faltaron tampouco referencias humorísticas, incluso facendo alusión “á nai que lle fixo o traxe” en palabras dun dos membros da banda.
Houbo tamén espazo para colaboracións destacadas. No tema “Meu cariño”, acompañados por 9Louro, os dous irmáns Martín e Xanma viviron un dos momentos máis emotivos da noite, cunha interpretación dedicada á familia en tempos difíciles. Tamén subiron ó escenario o dúo de electrónica galego Galician Army, ampliando o rexistro sonoro do concerto.
O ritmo cambiou con “Viaxei”, con aire de cumbia que convidou ao baile colectivo, mostrando a versatilidade da banda para moverse entre estilos.
Durante todo o concerto foron constantes as palabras de agradecemento ó público, entre risas e nervios: “Un aplauso para vós, impresiona estar aquí” ou “Agradecidos por coidarnos e facer o que nos ghusta”.
Non faltaron tampouco momentos de interacción intensa co público, con multipogos e avións multitudinarios, sempre dentro dun ambiente de respecto e celebración compartida.
Outro dos puntos álxidos chegou co tema “Por que son así”, interpretado xunto a Antía Ameixeiras e Sara Faro, nun momento íntimo e emotivo. Tamén destacou a colaboración de Nuno, de Grande Amore, no tema “A vida”.
Cara ó final, o grupo conseguiu mover todo o recinto con “La favorita” e xogou coa dinámica do público en “Rue Franklin”, dividindo o Sar entre seguidores e “haters” nun ton distendido.
O concerto pechouse cun público entregado, que respondeu cun berro colectivo: “Altri non, outra si”. A despedida reuniu a toda a crew sobre o escenario, pechando unha noite redonda.
Mati, Xanma, Samu e Xaquín demostraron que The Rapants están nun momento de madurez artística, capaces de mesturar verbena, balada e humor cun estilo propio. Unha banda que non só consolida o seu lugar na escena galega, senón que tamén amosa ambición e capacidade para seguir medrando ata encher pavillóns e converterse nun referente.














