Escrito: @lachicaindiecool
A noite do mércores comezou cunha atmosfera envolvente no Jazz Filloa, con Jasmine Myra, saxofonista británica en ascenso, e xoves no Teatro Colón con Israel Fernández, un dos grandes nomes do flamenco actual.
Ás 20:45 iniciouse o concerto da compositora e saxofonista Jasmine Myra, que visitaba por primeira vez España. Acompañada por un cuarteto de instrumentistas: piano, contrabaixo, batería e guitarra, que abriron un espazo de introspección sonora, cun jazz de trazos líricos e refinados, onde o saxo asumíu o protagonismo melódico e marcou as entradas dos músicos, cun público reducido pero achegado.
A proposta, aínda que estruturada con partituras nalgúns momentos (particularmente o baixista, guitarrista e, en momentos puntuais, o pianista), deixaba marxe para a improvisación, con solos que iluminaban o tecido harmónico e atmosferas cinematográficas, outorgando a participación solística de cada un dos instrumentos.
Presentou temas de Rising, o seu segundo disco, producido por Matthew Halsall e mesturado por Greg Freeman.
Myra aposta por un jazz espiritual e meditativo, que bebe do minimalismo, da música ambiental e das emocións contidas.
A súa música medra en capas, con melodías que avanzan coma ondas suaves, e cun coidado no timbre e nas dinámicas que demostra unha madurez compositiva notable. Un concerto para deixarse levar nunha inmersión onírica.
O xoves para clausurar as xornadas de concertos do ciclo Noites do Porto, o escenario transformouse coa aparición do cantaor toledano Israel Fernández, acompañado polo guitarrista Diego del Morao, un recital íntimo e poderoso, onde a voz e a emoción foron os verdadeiros protagonistas.
A súa presenza, directa e agradecida, conectou de inmediato cun público vivo e entusiasta
“Voy a entregarme con todo mi corazón, sé cantar y no sé hacer otra cosa”.
E cumpriu a promesa. A acústica perfecta do recinto permitiu apreciar cada matiz da súa voz , chea de queixumes, filigranas melódicas e forza expresiva, nun diálogo constante coa guitarra, que máis que acompañar, falaba co cantaor, un flamenco de raíz pero actual.
O repertorio percorreu diferentes palos do flamenco, con especial protagonismo o amor, o desamor e a memoria familiar. Soaron seguidillas, bulerías e fandangos, sempre introducidos por Diego co seu estilo inconfundible: rasgando, pulsando e acariñando a guitarra coma unha extensión do corpo.
Nun dos momentos máis emocionantes, dedicou unha seguidilla ao seu tío Zíngaro, “artista do cable», baixo unha cálida luz alaranxada. Outro instante destacado foi o inesperado aceno a Cielito lindo, que arrancou sorrisos sen romper en ningún momento o clima de autenticidade.
As letras, poéticas e intensas, tocaban o corazón:
“Mi madre me dio la vida y tú me la estás quitando” ou “yo te pondría un puentecito para que cruzaras de tu casita a la mía”.
A familia estivo moi presente en todo o concerto, evocada con gratitude e sentimento.
O público, con palmas contidas pero cómplices, acompañou algunhas cancións, completando esa ponte emocional entre artista e audiencia, e escoitouse algún “Olé” tímido. A actuación rematou cun fandango, envolto nunha luz verde que pechou a noite, cunha gran ovación e case todo o teatro en pé.















