Crónica: @lachicaindiecool
Unha pancarta no alto da sala Capitol anunciaba unha pequena parte do que acontecería esa noite, xa que o espazo se convertería nunha auténtica feira, onde non faltarían os produtos da terra, as rosquillas que atraerían a todos os alí presentes nun merchandising gastronómico-musical, e por suposto a presentación dos sete feirantes e protagonistas desta nova e prometedora banda galega, De Ninghures: Adri Méndez (gaita e zanfona), Hadrián García (clarinete e mesa de mesturas), Aldara Palmeiro (violín e voz), Tomé Mouriño (acordeón, guitarra e voz), Manuel Lucas Mariño (guitarra e voz), Manuel Fernández “Cataqui” (percusión) e Marta Álvarez (pandeireta, percusión e voz).
Sete amigos e amigas que se coñeceron na Foliada da Fonsagrada, multiinstrumentistas, que decidiron emprender un proxecto xuntos e da pandemia naceu o seu primeiro disco Aquí.
O motivo desta xuntanza, cun auténtico sold out na sala Capitol en Santiago, foi para presentar o seu novo disco Feira. A apertura da mesma comezou co tema homónimo do disco e a colaboración do seu produtor musical Juan de Dios.
Non faltarían A burriña e a homenaxe á banda Berrogüetto cun dos seus principais integrantes o músico Anxo Pintos, que colaboraría no tema Corazón Alionado, que presentaron un fragmento do mesmo na emisión do programa (Hoy empieza todo) de radio 3, en estudios Mans, un especial en A Coruña.
Outra das bandas referentes da música galega, especialistas en versionar temas actuais e levalos ao terreo da música galega, De Vacas, banda formada por Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández que interpretaron dous temas Ézaro e Lévame de Aquí xunto a Anxo Pintos.
Tampouco faltarían temas do disco anterior como Malpica e Mallao, e chegaría a quenda da colaboración máis divertida da noite xunto a Ortiga, que é o proxecto musical en solitario de Chicho (Manuel González), marcaría xunto a banda De Ninghures o inicio da verbena cos temas Santiago vou e Nosa verbena; o canto e o baile moi presentes nesta festa da man de temas coma Poço e Yalah.
Chegaría outra das grandes colaboracións da noite co dúo Fillas de Cassandra formado por María Soa e Sara Faro, que interpretaron Tataravoa e Descolorido erguendo a todo o público.
A feira estaba chegando ao seu fin co Último baile, un dos temas máis vibrantes e emocionantes da noite, sen desmerecer as palabras de agradecemento de cada un dos feirantes por esta marabillosa acollida.
Chegaba a clausura da mesma con tres grandes temas, Punteada xunto a Juan de Dios, En fin e Morena, momento no que subirían todos os músic@s ao escenario que contribuíron a celebrar e consagrar a banda galega do futuro DE NINGHURES.
Pero non marchamos de alí sen botar os últimos bailes pechando cunha sesión musical o DJ Chicho (Ortiga).
Unha mención especial aos estilistas encargados do vestiario: Carlos Barba, Anxo Somoza e Melania Freire, ó manager da banda, Manuel Tarrío e a encargada de prensa e comunicación Lucía Pita, grazas a eles todo isto foi posible.












