Crónica: @lachicaindiecool
Con motivo do Barullo Tour e o percorrido da banda Baiuca por diferentes cidades como Barcelona, A Coruña, Melilla, Hamburgo ou Londres, tocoulle a quenda a Santiago de Compostela, cun auténtico sold out durante catro días seguidos (do 23 ao 26 de xaneiro).
Nin a borrasca Herminia puido con esta gran banda musical galega, con Alejandro Guillán (encargado do son e produción), Andrea e Alejandra Montero (cantareiras e pandereteiras), Xosé Lois Romero (percusión), Adrián Canoura (visual), Antía Muíño (voz), Rubén Montes (técnico de son), Victoria Blanco (tour manager), Kike Varela (backliner), e as colaboracións de Antía Ameixeiras (voz e violín), Xurxo Fernandes e Felisa Segade (voces) e a colaboración da miña amiga Paloma Delgado vestida como follateira.
Ás 19.00 da tarde chegábamos à sala Capitol, nesta ocasión para ver o concerto dende dentro, participar nel e acabar formando parte da familia Baiuca.
A presentación de cada un dos membros da banda no interior do camerino, da man de Victoria, fixo que dende o primeiro momento Capitol fose casa e que alí vivísemos unha foliada familiar.
Presenciamos o ritual pre-concerto no que brindamos e cuspimos, abríronse as portas, e a cor e as voces da sala Capitol corearon e recibiron aos músico/as.
Un concerto cunha duración de dúas horas, a interpretación de 28 temas, entre os que non faltaron: Rachafaldra, Alentejo, Luar, Meigallo, Fisterra, Embruxo, Mangüeiro, Olvídame, Montero, Morriña, Conxuro e Diaño; seis temas máis melódicos interpretados pola banda xunto a Antía Muíño Monteviso, Caravel, Diamante, Adélia e Veleno, a colaboración especial de Antía Ameixeiras (a outra metade de Caamaño & Ameixeiras) na interpretación de Sísamo, e a unión das dúas, en Paxaro do Demo na que Ameixeiras acompañou co violín.
A colaboración especial de Xurxo Fernandes (investigador e músico galego) na interpretación do tema PAEQB e Felisa Segade (produtora artística e cofundadora de Leilía) en Vai Tu e Barullo. Un dos segredos mellor gardados da noite , chegaría coa aparición no escenario dunha follateira (personaxe representativo do entroido de Lobios), animou e levantou a todos os alí presentes ao ritmo do tema inédito Maio Moço, a miña amiga Paloma Delgado a que tiven o pracer de axudar co vestiario.
Non faltaron os duetos, como o esperado Navajitas interpretado por Felisa e Xurxo, un canto a capella por parte de Antía Muíño, e unhas palabras de presentación e agradecemento no intermedio do espectáculo por parte de Alejandro.
A piques de rematar o concerto, pecharía con dous temas Ribeirana e o Baile final no que sairían todos os alí presentes, cantando e bailando a ritmo de muiñeira.
Impecable a presenza das irmáns Montero que forman parte de Lilaina e Aliboria, coas pandeiretas e as súas voces que non deixaron de animar ao público alí presente, así como os instrumentos rudimentarios e tradicionais empregados por Xosé Lois Romero (compositor, multiinstrumentista e director do proxecto Aliboria) que non deixaron de bater e manter o ritmo desta festa musical, así como o visual por parte de Adrián Canoura.
Nós tivemos a sorte de vivir o post-concerto, no que non faltaron as risas, confesións, o licor café e a festa que continuaría fóra das táboas.
Máis aló da alta calidade musical desta banda, quédome particularmente coa calidade humana, o compadreo e a proximidade que proxectan no backstage e no propio escenario.
Baiuca significa unión e familia. Unha experiencia máxica e única, todo o vivido o sábado 25 na sala Capitol en Santiago de Compostela.
Grazas a toda a banda por deixarnos formar parte da familia Baiuca.













